En 20 sg

Nacín en Cubide, unha pequena aldea da parroquia de Taragoña, en Rianxo. Licencieime na Universidade de Santiago de Compostela, para logo cursar o Programa de Doutoramento do IDEGA e os cursos de apoio patrocinados pola DX XII da U.E., con breves estancias en Maastricht e Estrasburgo. Obtiven o Doutoramento Europeo en Organización de Empresas o 10 de maio de 2002. Estudei e realicei estancias de investigación tamén na Escola de Negocios de Aarhus (Dinamarca), na UNISINOS de São Leopoldo (Porto Alegre-Brasil), no ISCTE de Lisboa, no CRIC de Manchester, na Universitat Pompeu Fabra de Barcelona e na Universidad Carlos III de Madrid.

Traballo a tempo completo para a Universidade de Vigo, onde actualmente coordino REDE (www.rede.uvigo.es): un grupo de investigación multidisciplinar con intereses en innovación, enerxía e medio ambente. A miña propia investigación céntrase na dinámica da innovación tecnolóxica e organizativa, cunha énfase crecente en aspectos que están íntimamente relacionados co cambio climático. Imparto asemade docencia de Grao, Máster e Doutoramento dalgunhas materias relacionadas coa estratexia de innovación e a excelencia operacional. Así, arroupado por moitos compañeiros da UVigo, os contidos da miña docencia e investigación permítenme colaborar frecuentemente con institucións públicas e empresas.

Xunto con Marta, a miña muller, ocúpome ademais dos meus proxectos máis queridos e desafiantes: Sabela, Daniel e Mauro.